Down Coruña recibiu unha axuda da Deputación da Coruña por importe de 15.477,84 €, o que supón un 78,61% do importe total do proxecto, destinada ao desenvolvemento do Programa de Habilidades de Vida, no marco das Bases reguladoras, en réxime de concorrencia, do programa de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o investimento de servizos sociais no ano 2025 (FOIE/2025).
Esta achega permitirá dar continuidade a un programa no que participaron 33 persoas beneficiarias, reforzando o traballo orientado á promoción da autonomía persoal e social das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
Obxectivo do programa
O obxectivo é fomentar a autonomía persoal e social mediante a aprendizaxe de habilidades prácticas, sociais e emocionais necesarias para desenvolverse de maneira independente na súa contorna familiar, comunitaria e social.
Actividades que se desenvolven
Entre as accións que se levan a cabo dentro do Programa de Habilidades de Vida destacan:
- Talleres prácticos sobre tarefas domésticas: preparación de alimentos, organización e limpeza do fogar e xestión de recursos básicos.
- Actividades de planificación e administración económica, incluíndo o uso do diñeiro e o manexo de orzamentos persoais.
- Exercicios prácticos para a aprendizaxe do uso de tecnoloxías cotiás (electrodomésticos, dispositivos móbiles, etc.).
- Talleres sobre mobilidade dentro do fogar e a contorna próxima, fomentando desprazamentos seguros en espazos públicos.
- Sesións prácticas sobre o uso do transporte público e a orientación en contornas urbanas.
- Actividades adaptadas segundo a idade para promover o uso de servizos comunitarios como bibliotecas, instalacións deportivas ou actividades culturais.
- Dinámicas que promovan a participación activa en actividades lúdicas e de lecer inclusivo, favorecendo a integración social desde idades temperás.
Desde Down Coruña agradécese o apoio da Deputación da Coruña, que contribúe a fortalecer programas clave para avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva, na que as persoas con discapacidade intelectual conten coas ferramentas necesarias para exercer a súa autonomía en igualdade de condicións.
Galería de imaxes:























