O Concello da Coruña e a Asociación Síndrome de Down de A Coruña (Down Coruña) colaboran un ano máis no programa de adestramento para a adquisición e mellora das habilidades de comunicación persoal e social para persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais, cunha achega de 20.000 euros.
O obxectivo desta iniciativa é estimular e potenciar o desenvolvemento da linguaxe e da comunicación das persoas coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
A través dun adestramento específico, práctico e adaptado, trabállanse diferentes habilidades relacionadas coa comunicación e coa interacción social. Entre elas atópanse a expresión verbal e non verbal, a escoita activa, a comprensión de mensaxes, a iniciación e mantemento de conversacións, a interpretación de normas sociais implícitas e a mellora da autoestima comunicativa.
Ademais realízase un asesoramento e acompañamento continuo coas familias, compartindo estratexias, actividades e recursos para o reforzo no fogar das destrezas comunicativas adquiridas polos seus fillos e fillas nas sesións de traballo na entidade. Tamén se leva a cabo unha coordinación cos centros educativos, realizando unha labor de seguimento da etapa educativa e de apoio á inclusión educativa do alumnado coa síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.
Este programa busca reforzar as competencias comunicativas das persoas participantes, favorecendo a súa participación nas relacións sociais e na vida diaria.
A colaboración co Concello da Coruña permite desenvolver iniciativas orientadas a mellorar as oportunidades de inclusión educativa, laboral e social e o desenvolvemento persoal das persoas con síndrome de Down e outras discapacidades intelectuais.




